Encamiñados cara o Nordeste de Italia, rozando Austria, estamos chegando ós Alpes Orientais italianos onde se alza maxestuosa a Serra dos Dolomitas, ocupando parte das rexións do Véneto, Trentino, e Alto Adigio (tamén chamado Südtirol debido á influenza austríaca). Na Provincia véneta de Belluno, atópase Cortina d'Ampezzo, en pleno centro da Serra, vila coñecida internacionalmente, sede das Olimpíadas de inverno no 1956.
Vista panorámica das "Tre Cime di Lavaredo"
Parte do norte de Italia, pertencía ó Imperio Austrohúngaro antes da 1ª Guerra Mundial. Motivo polo que diversas áreas estaban diferenciadas administrativa, histórica e culturalmente. Así, o Trentino é de influenza italiana, sendo Trento a súa capital; mentres que o Alto Adigio ou Sütirol, é de influenza Austríaca, sendo a capital Bolzano (Bozen, en alemán), polo que non extraña escoitar falar alemán.
Vista panorámica dende o inicio da vía ferrata á Torre Toblin
Os Dolomitas, repártense en varios grupos, caracterízanse polos enormes macizos que emerxen illados a modo de torres con fendas e agullas, amplos vales, bosques e prados.
Estes están compostos na súa maioría pola rocha calcaria chamada "dolomía", en homenaxe ó xeólogo Déodat de Dolomieu. Grandes torres, agullas, fendas e restos da erosión acumulados formando os característicos “ghiaioni”.
Declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2009. Algúns dos macizos principais son os de Sella (3.152 m), Brenta (3.173 m), Pale di San Martino (3.184 m), Civetta (3.218 m), Pelmo (3.168 m), Cristallo (3.216 m), Antelao (3.264 m), Sorapiss (3.205 m), Le Tofane (3.244 m) e Marmolada (3.342 m) onde está o pico máis alto.
Le Dolomiti di Brenta
O macizo de Brenta exténdese uns 40 km de Norte-Sur, e preto de 12 km Este-Oeste. Todo o grupo de Brenta está incluído no Parque Natural de Adamello-Brenta.
Macizo de Brenta
Para acceder a Dolomiti di Brenta o máis fácil é facelo desde Madonna di Campiglio. Se queremos experimentar a montaña, atopamos numerosos sendeiros marcados con bandas vermellas e brancas, que podemos percorrer entre o mes de xuño ata finais de setembro, xa que o resto do ano a zona está cuberta de neve, e dá para gozar do esquí. Existen tamén rutas para bicicleta.
O máis característico dos Dolomitas son as Vías ferratas, que consisten en sendeiros que antigamente se equipaban para salvar pasos difíciles. A súa orixe remóntase á Primeira Guerra Mundial, con fins militares, estas "rutas con ferros" (literalmente) servían para aprovisionar os "niños de águia" e posicións avanzadas tanto por parte das tropas italianas como das austríacas.
Estas vías ferratas están equipadas con cables, escadas, grapas, pontes colgantes, etc. Son percorridos polo xeral aéreos, non aptos para persoas con vértigo.
Vía ferrata "Sentiero Alfredo Benini"
Este sendeiro é parte da famosa "Via delle Bocchette", vía que fai a travesía polos cumios máis importantes do Gruppo di Brenta e é unha das rutas máis belas dos alpes italianos. Tomando o teleférico en Campo Carlo Magno ata o Passo del Grostè chégase ao Rifugio Stoppani. O sentiero Alfredo Benini une este último refuxio coa Bocca di Tuckett (2648m), no corazón do Macizo de Brenta, desde a que se pode baixar ata o Rifugio Tuckett ou seguir pola Via delle Bocchette Alta.
Ladeira da Cima del Grostè, no inicio do Sentiero Alfredo Benini
Semella que estamos paseando nunha auténtica paisaxe lunar, pisando amplos vales glaciares en forma de U semellando as "Brentas" ou pías taladas en troncos e postas horizontais que se utilizaban como bebedeiro dos animais.
Baixada á Bocca di Tuckett (2648m)
Xunto con Madonna di Campiglio (Dolomiti di Brenta), Cortina d'Ampezzo é outra das vilas máis turísticas, sobre todo pola gran cantidade de pistas de esquí que posúe. No ano 1956 albergou unhas Olimpíadas de Inverno. É unha vila cunha posición privilexiada no medio dos Alpes Dolomitas, preto dos macizos máis impresionantes (Cristallo, Tafone, Tre Cime di Lavaredo,...).
Monte Cristallo (3154m) desde o Lago di Landro
O Passo Falzàrego ofrece unha das vías ferratas máis sinxelas e nas que se pode ver a dura vida dos militares austrohúngaros e italianos durante a Gran Guerra. O Pico Lagazuoi Piccolo consta de gran cantidade de galerías escavadas na montaña para obter mellores posicións defensivas e para aprovisionar ás tropas. Nesta montaña poden verse tamén parte das derrubas debidas a cinco voladuras (catro autrohúngaras e unha italiana), que afectaron as faixas e paredóns do Lagazuoi Piccolo. Non hai que esquecer levar o frontal para moverse polas galerías.
Vía ferrata do Lagazuoi Piccolo - barraca de oficiais italianos
Para darlle algo máis de emoción á ruta, o mellor é tomar despois o desvío da Cengia Martini para chegar a outras posicións defensivas. Este camiño é algo máis exposto pero faise sen complicacións.
Vía ferrata do Lagazuoi Piccolo - Inicio da ruta – Cengia Martini
Dolomiti di Auronzo e Misurina: Ruta circular arredor das Tre Cime di Lavaredo e Via Ferrata delle Scalette (Torre Toblin)
Unha das zonas máis fermosas e coñecidas de Dolomitas é a que corresponde cos 3 cumios de Lavaredo (Tre Cime di Lavaredo, en italiano; e Drei Zinnen, en alemán). Están dentro do Parco Naturale Tre Cime e limita coa Provincia Autónoma de Bolzano - Alto Adige e coa Provincia de Belluno (Véneto). Os tres cumios teñen alturas de 2999m (Cumio Grande), 2973m (Cumio Oeste) e 2857m (Cumio Pequeno). Ata 1919 os cumios formaban a fronteira entre Austria e Italia, pero agora están totalmente dentro de Italia.
O acceso ao Rifugio Auronzo é a través de Misurina, seguindo unha estrada privada e de pago (22 euros). Sen embargo, merece a pena pagar este peaxe. As "dolomías" das Tre Cime non decepcionan.
Na ruta circular arredor das 3 Cime di Lavaredo, saíndo do Rifugio Auronzo pásase polo Rifugio Lavaredo e, logo de atravesar a Forcella Lavaredo, chégase ao Rifugio Locatelli, na parte norte das 3 Cime.
Desde o Rifugio Locatelli pódese facer a Vía Ferrata delle Scalette, que permite ascender a Torre Toblin (2617m). Durante a 1ª Guerra Mundial, o cumio deste pico era un punto de observación austríaca pero só se podía acceder a el pola noite xa que polo día estaban espostos ao fogo das posicións defensivas italianas. Os austríacos puxeron moitas escaleiras para facilitar o acceso ao cumio, de aí o nome de Via Ferrata delle Scalette (Vía Ferrata das Escadas). As escadas de madeira orixinais foron substituídas por outras metálicas; sen embargo, aínda poden verse algunhas durante a ascensión. Esta vía ferrata é asequible, pero xa presenta unha certa dificultade e é preciso ter bo control sobre a vertixe.
Laghi dei Piani, a carón do Rifugio Locatelli
A quen non lle soa o famoso Concilio de Trento??!! Pois resulta que ese lugar que esperas tan casposo e retrógrado é un sitio moi fermoso. Un paseo polas súas rúas deixa claro o seu pasado esplendoroso: moitos palazzos con frescos e esculturas e un entorno da catedral espectacular. É unha cidade pequena, do tamaño de Santiago, pero que vale moito a pena dar un pequeno rodeo para visitalo xunto cos Dolomitas.
Piazza del Duomo - Museo Diocesano Tridentino
A Via Ferrata Bepi Zac está situada no Val di Fassa e é accesible desde o Passo di San Pellegrino. Esta Via Ferrata segue no seu percorrido unha das máis famosas liñas defensivas austríacas da 1ª Guerra Mundial, onde morreron moitos italianos que trataban de pasar o Val di Fassa. Hai moitos restos de fortificacións e trincheiras.
Esta Via Ferrata está dividida en dúas partes, delimitadas pola Forcella di Ciadin (2664m), onde se pode descender de novo cara ao Passo di San Pellegrino. A primeira parte é a máis asequible e pasa pola Cima di Campagnaccia (2737m), a Cima di Costabella (2762m) e o Sasso di Costabella (2715m) antes de desembocar na Forcella di Ciadin (2664m). Aquí é onde están os restos das posicións defensivas e das trincheiras; é un museo a ceo aberto.
A segunda parte é máis delicada e con terreo máis alpino. Saíndo da Forcella di Ciadin, pasa polo Om Gran (2805m) e baixa á Forcella d'Uomo, bordea a Cima d'Uomo (3010m, ao que se pode subir). Logo accédese á Forcella Laghet (2765m) e báixase cara ao Rifugio Fuciade, desde onde se accede por camiño forestal ata o Passo San Pellegrino.
Baixada ao Rifugio Fuciade, ao fondo Pale di San Martino (3192m)
Fotografías: O Sherpa & Darredor
Máis información: Darredor da